Tuesday 07 de May de 2024

O alcalde solicita unha reunión co Delegado do Goberno ante a negativa de Costas a resolver os asuntos pendentes da súa competencia en Perillo, Santa Cruz e Mera


O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, reuniuse esta mañá co xefe da Demarcación de Costas da Coruña para reclamar novamente a rexeneración da praia de Santa Cruz; a continuidade do paseo marítimo desde Beiramar ata Cambre; e a obra que asegure a rúa da Gaivota na zona do Xunqueiro, en Mera. Ante a negativa do responsable de Costas de asumir as súas competencias nestes asuntos, o alcalde solicitará unha reunión co Delegado do Goberno.

Para a continuidade do paseo da ría desde Beiramar ata Cambre, no tramo do Paraíso, atopárase unha solución consensuada co anterior Xefe da Demarcación de Costas, sen incremento orzamentario na obra do dragado da ría, cunha senda que transcorrería pegado ao mar, para a que xa foron talados varios eucaliptos. Agora o novo responsable pretende ignorar ese acordo e introducir o paseo pola zona verde recentemente creada polo Concello, o que obrigaría a talar árbores do parque municipal, dificultaría o tránsito de persoas con mobilidade reducida e afastaría o paseo do bordo marítimo.

O alcalde tamén demandará ao Delegado do Goberno solucións ante os graves problemas de afundimento de varios tramos do paseo de Santa Cruz, provocados polo descalzamento da base do paseo na periferia do mar; e tamén que se asegure o noiro que hai sobre a cala do Xunqueiro para garantir a estabilidade da rúa da Gaivota e, por conseguinte, das vivendas máis próximas, así como pola seguridade dos bañistas e pescadores que acceden á cala.